A POÉTICA TEATRAL DE MARTA PAZOS, por Miguel Cavadas Docampo, Gisella Costas López e Katherine E. Loureiro Álvarez

Das montaxes que ata o momento levan trasladado os textos de Valle á escena en galego, Martes de Carnaval, do CDG, é a que supón o mellor exemplo desa arela anovadora. A orixinalidade, actualidade e calidade do espectáculo veñen dadas pola lectura de Valle que realiza a directora, a pontevedresa Marta Pazos.

Algo está acontecendo no sector teatral galego. Na nómina de espectáculos que veñen percorrendo nos últimos anos os teatros atópanse propostas arriscadas, innovadoras e cargadas de ideoloxía, conscientes das novas tendencias que invaden a escena e decididas a establecer por fin unha conexión firme co público. O afán destas creacións impulsadas por compañías de xente nova (nos dous sentidos do termo) de anovar un sector clave da nosa identidade cultural tradúcese en feitos visibles e patentes, como demostran a numerosa presenza feminina no palmarés da última edición dos María Casares, o éxito de venda de localidades acadado por algunhas producións ou a sorprendente cantidade de novas sobre teatro nos xornais por mor de certas polémicas que, en última instancia, conducen todas a un mesmo nome: Valle-Inclán. Se xa nos tempos de fundación do Centro Dramático Galego (CDG), alá por 1984, o asunto dos dereitos das obras do escritor vilanovés suscitou controversia, agora que estes están á fin liberados non podía ser menos.

Das montaxes que ata o momento levan trasladado os textos de Valle á escena en galego, Martes de Carnaval, do CDG, é a que supón o mellor exemplo desa arela anovadora. A orixinalidade, actualidade e calidade do espectáculo veñen dadas pola lectura de Valle que realiza a directora, a pontevedresa Marta Pazos.

Marta Pazos é sen dúbida unha desas novas voces dentro do panorama teatral galego recente. O seu traballo vai ligado á compañía VOADORA, na que á labor de dirección engade en ocasións a de dramaturga, actriz ou escenógrafa. Ao longo da súa traxectoria, a tarefa de Pazos na compañía reportoulle en dúas ocasións o María Casares á Mellor Dirección. O teatro de VOADORA é un teatro dos sentidos , no que o espectador é estimulado a través de diferentes canles para que reaccione, reflexione e responda ante o que está vendo. Neste sentido teñen moita importancia o tratamento da imaxe, derivado da formación de Pazos en Belas Artes, e o emprego do texto ao mesmo nivel que outros signos, coma un material vivo que cómpre moldear. A proximidade ao público acádase tratando temas cotiáns que preocupan ao individuo contemporáneo, de xeito que o espectador ve reflectidos no escenario dilemas que o asaltan día a día. Ademais, o xogo e a experimentación son regra no seu facer, influídos por unha serie de referentes que tanto proveñen da alta cultura como do eido máis popular.

imagee

Este carácter decididamente renovador en forma e contido vese referendado polo público nas funcións. Proba disto é o entusiasmo que se viviu durante a estrea da súa última montaxe, Garage , o tres de febreiro no Salón Teatro de Compostela, no marco do festival Escenas do Cambio. En espera de nova montaxe para a próxima tempada, VOADORA móvese agora co devandito espectáculo e coa súa particular versión do Soño dunha noite de verán , que estivo recentemente no Centro Dramático Nacional.

O impacto da obra de Marta Pazos sobre o panorama teatral galego débese en parte ao seu compromiso coa innovación enfocando a realidade teatral dende un paradigma achegado ao que se deu en chamar teatro post-dramático. A autora parte dese novo modelo de creación e tensa a tradición teatral para concibir o seu proceso como colectivo e dinámico. Deste xeito procura tamén un cambio no rol do público traballando co concepto de copresenza e entendendo o feito teatral primeiramente como encontro entre actor e espectador. É por isto que as súas obras aspiran a borrar esa barreira entre ambos fomentando a interacción cun espectador activo que deixa a un lado a súa condición de voyeur aínda que non sexa levado ata o punto de cocreador.

Pazos desafía esa cuarta parede xogando coas posibilidades do postdrama coa fin de romper a ilusión e identificación teatral propias do modelo burgués. Para isto, lembra a súa artificialidade mediante estratexias como o feito de amosar a creación dos espazos, isto é, modificando a escenografía do teatro en presenza do público. Nesa liña, outra das súas constantes consiste en introducir a participación da propia directora ou de actores non profesionais na escena en obras como Don Juan onde contaban ademais coa presenza dunha narradora outorgándolle ás obras, así mesmo, unha dimensión metateatral. Doutra banda, Pazos sérvese do fragmentarismo para romper a linearidade e a causalidade das accións, propias daquel modelo aristotélico, creando unha narración por cortes ou fragmentos na que as acción sofren cambios radicais que requiren ademais desa atención activa dos espectadores apuntada máis arriba. Isto sucede en obras como Waltz nas que se producen fortes cambios entre escenas e, por momentos, achégase a un diálogo de xordos entre as personaxes. Sérvese, polo tanto, destes recursos de distanciamento para remarcar a natureza artificial do teatro e desachegarse das súas características máis tradicionais.

Se observamos con atención as obras dirixidas por Pazos advertiremos decontado a dimensión lúdica das súas pezas: a directora xoga co texto desafiando as fronteiras do espectáculo con escenas que insiren, como se vén de apuntar, o metateatral as máis das veces en chave cómica procurando a sorpresa e a imprevisibilidade. Así ocorre en Waltz ou n’ A tempestade , dúas obras nas que o espectador atende a conflitos que ocorren detrás do escenario dunha representación ou ao work in progress da preparación dun espectáculo.

Neste eido do imprevisible podemos ver que a ocultación de rostros mediante a máscara oua aparición dunha sorte de monstro é outra das constantes desta poética teatral. O uso da máscara que nos leva ás orixes do teatro e a presencia de seres de apariencia enigmática apunta tamén cara o inesperado e cara unha irreverencia que pasa pola autoburla, a ironía e a materialización do lugar inevitable que teñen na propia vida o misterio e a fantasía, como acontece en Calypso , no desfile de máscaras de Waltz e as personaxes misteriosas de Waltz e Garage , que se caracterizan pola súa afasia e a súa apariencia artificial difícilmente identificable por vestiren unha malla que oculta a totalidade do seu corpo.

Dentro deste mesmo xogo co texto poderemos asistir, en Waltz , a unha mostra de teatro mínimo: a utilización da miniatura permitiulle a Pazos recrear, en poucos minutos, toda unha vida simplemente cuns cantos obxectos enriba dunha mesa. A directora optimiza deste xeito os recursos da escena rebeirando nos límites do espazo, do tempo e da propia noción de espectáculo.

maxresdefault

A música e a danza serán, ademais, cruciais na experimentación das obras de Marta Pazos, caracterizadas polo seu ambiente festivo: destaca en Waltz a musicalización do texto na busca da ridiculización da acción e chaman a atención as pezas de música electrónica creadas para dialogar cos textos de Martes de Carnaval ou Garage así como os números musicais de Don Juan ou A tempestade . A utilización da música nas obras desta directora pode protagonizar escenas, determinar o seu ton na busca dunha converxencia ou dunha diverxencia con respecto á acción, marcar cambios de ritmo dun xeito moi vizoso, indicar transicións entre escenas ao servizo da xa nomeada fragmentariedade e mesmo operar como actualización do texto.

Neste teatro dos sentidos o corpo é un elemento fundamental: a sensualidade e o erotismo enchen o escenario actuando como constantes creadores de atmosferas nas súas obras. Ademais, a sexualidade é tratada propiamente como tema na meirande parte delas ao introducir espidos xeralmente masculinos e representacións de escenas de relacións sexuais e violacións como acontece co personaxe da Sini (María Roja) nunha das escenas máis sorprendentes de Martes de Carnaval .

No terreo da adaptación vemos que Pazos respecta en grande medida os textos dramáticos. Este feito non contradí a indubidable actualización que si experimentaron obras como Soño dunha noite de verán , A tempestade ou Martes de Carnaval nas súas mans. Como dicimos, a directora sitúa o texto ao mesmo nivel que os outros signos teatrais para manexalos dun xeito orgánico e equilibrado. Así, estas pezas chegarán a nós revestidas de presente, como xa se apuntou anteriormente, mediante a introdución de temas candentes e elementos da cultura popular con referentes, segundo apunta a propia directora, como son David Lynch, Hayao Miyazaki, Jim Henson, Stelarc, Michel Gondry, Yoko Ono, David Bowie, Leni Riefenstahl, videoclips do anos noventa, o cómic e mesmo clásicos do Museo do Prado como Caravaggio. Elementos POP que, sen deixaren de estar presentes nas obras orixinais de Pazos ou de VOADORA, integran estes espectáculos nos códigos de lectura do espectador dun xeito case desafiante, cunha función claramente apelativa e revitalizadora na procura dun público activo, que non se poida permitir a licenza de afastar a vista do escenario sen correr o risco de perder información.

En definitiva, o teatro de VOADORA é un teatro irónico, sensorial, en diálogo con outras artes e medios, que consegue fundir as potencialidades de cada signo na transmisión dunha mensaxe que pretende transcender o teatro, atravesar o espectador, espertar a súa conciencia e, por suposto, que lle sexa imposible esquecer a experiencia, a obra. Con ganas de volver entrar agardamos a montaxe desta tempada.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s