Un percorrido polo III CIJIET, crónica de Katherine E. Loureiro Álvarez

 

Katherine E. Loureiro Álvarez

Os pasados 24, 25 e 26 de outubro tivo lugar, no Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago de Compostela, o III Congreso Internacional de Jóvenes Investigadores en Estudios Teatrales, que viña de celebrar previamente outras dúas edicións, entre o 2 e o 4 de novembro de 2016 e do 25 ao 27 de outubro de 2017 respectivamente, na Universidade de Murcia.

No seo deste evento dirixido desta volta polas investigadoras Belén Tortosa e Cristina Tamames puidemos asistir a un encontro de todo tipo de persoas relacionadas coas artes escénicas: desde reputados estudosos académicos ata dramaturgos, actores e performers pasando, por suposto, polos novos investigadores en artes escénicas.

Nesta terceira edición, o CIJIET contou cunha programación intensa e variada que acolleu tres relatorios plenarios a cargo de André Helbo (Université Libre de Bruxelles), Isabelle Reck (Université de Strasbourg) e Anxo Abuín (Universidade de Santiago de Compostela); dezaoito mesas de comunicacións que abrangueron un abano de temas moi diversos como puideron ser «Filosofía, fragmento e dixitalidade en torno ao teatro contemporáneo», «Tradución, teatro e Shakespeare», «O director a escena: traballo, técnica e construción escénica», «Investigación e técnica actoral», «As mulleres no teatro» ou «Pedagoxía e creación teatral» entre moitos outros; unha mesa redonda arredor do asunto «A formación teatral en Galicia» que contou coa presenza de Afonso Becerra (dramaturgo e director de escena), Vanesa Martinez Sotelo (actriz e dramaturga) e Chiqui Pereira (actor e director de escena); e unha sesión de paneis sobre «Metodoloxías e ferramentas para os Estudos Teatrais». Tivemos tamén a oportunidade de desfrutar do espectáculo e coloquio posterior de Elisa e Marcela d’A Panadaría no Salón Teatro de Santiago de Compostela ademais de dispoñer de espazos de lecer entre as actividades programadas para continuar debatendo, aprendendo e establecendo proveitosos lazos entre os asistentes.

Despois da entrega de acreditacións e da inauguración institucional do congreso, tivo lugar o primeiro relatorio plenario: «The stage and the spectator: a controversial dyad» onde André Helbo presentou unha serie de reflexións teóricas arredor de asuntos estruturados en tres seccións: o concepto de audiencia dende un prisma sociolóxico en relación coas nocións de tradución, cognición e capacidade construtora; o carácter sine qua non do escenario e o público na peformance vencellada á conflictividade deste tipo de espectáculo en relación a cuestións como a disociación produción-recepción ou a identidade espectacular para alén da hexemonía da palabra; e os paradigmas de proceso metacomunicativo en escena, nomeadamente o posdramático de Lehmann, a mediaturxia de Marranca e o intermedial de Müller e Eleström.

Seguidamente na mesa 1, titulada «Filosofía, fragmento e dixitalidade en torno ao teatro contemporáneo», María Moreno i Domenech analiza dimensión metafísica das coordenadas espazo-temporais en diferentes mostras teatrais de Valle-Inclán, Paul Claudel, Teneessee Williams e Salvador Espriu onde se materializan unha serie de transgresións que converten a escena na poetización dunha acción transcendente enmarcada no simbólico. Dominique Serena Antignano achéganos unha caracterización das prácticas estéticas no teatro breve como espazo liminal entre o evento e o fenómeno. Este teatro mínimo estaría determinado, entre outros factores, pola súa afirmación do fragmento como unidade autónoma e fugaz así como pola construción dun espazo que dialoga co marco social onde se produce devindo zona de experiencia e modificando o proceso de recepción. Vesma Levalde formula, en ultimo lugar, o diximodernismo como novo paradigma escénico frente ao teatro posdramático do posmodernismo. Esta nova tendencia sería consecuencia do impacto das tecnoloxías no novo século e do cambio de percepción das novas xeracións caracterizándose especialmente por manifestar o individualismo como proxección da autoconsciencia dun avatar, a destrución definitiva do elitismo e unha realidade expandida, de autoría colectiva e inspirada no tecnolóxico.

Na mesa 4, titulada «Teatro, performance e colectividade: novos formatos teatrais», Oliver Marcos Fernández baséase na preeminencia da realización escénica para pensar na coralidade como elemento fundamental do feito teatral en tanto que vía de unificación do traballo actoral, prolongación do público, acontecemento empírico antes que simbólico e, en última instancia, lugar de auto-xurdimento dun encontro/ritual. Álvaro Fernández Caboalles analiza certas manifestacións teatrais de entre o 2012 e o 2017 como reflexo do sentir xeracional dos chamados millenials destacando o seu metamodernismo, a ruptura da zona de confort, a tensión entre o dispositivo de representación e a arquitectura social e o cambio de valores, prácticas e modos de representar. Alberto Rizzo presenta, pola súa banda, unha serie de experiencias de teatro envolvente definíndoo como unha forma teatral máis cercana, libre, adaptable a diferentes espazos, sensorial e inmersiva, cun espectador moito máis autónomo e libre de buscar e elixir que partes do espectáculo recibe e en que orde.

O segundo relatorio plenario estivo a cargo de Isabelle Reck. Baixo o título «Teatro e crise» a estudosa plantea o teatro en relación co mundo, como materialización da evolución das ideas, e a crise como ferramenta para explorar as diferentes dramaturxias. Sitúanos no marco da crise de 2008 como aliciente para un cambio de paradigma histórico-social onde entran en escena novas formas específicas en temática, materialidade e recursos que exploran, dende a crise do sentido, as posibilidades do mundo a través das posibilidades do drama e nas que a conciencia crise define ao humano moderno. Pon de manifesto, en suma, o teatro da crise como intervención no propio teatro e isto como posibilidade de intervir na vida.

Na mesa 10, titulada «Poéticas da violencia», Erwan Burel estuda os fenómenos de decadencia que inflúen nos elementos dramáticos en diferentes obras de Alberto Conejero que presentan conflitos dende un prisma heteronarrativo propiciando unha mestura de voces e olladas nunha dialéctica tensional que apunta cara un metateatro onde predominan, no outro extremo da crueldade, a redención e o renacemento. Ana Barceló Alfocea pon de manifesto o diálogo da crueldade de Antonin Artaud e de Bertolt Brecht no texto Marat/Sade de Peter Weiss a través dos protagonistas como materializacións da presencia de ideas como a necesidade e a irracionalidade vitais desde posicionamentos individuais e plurais, respectivamente. Olga Buczek pecha esta mesa analizando certas formas de violencia verbal nas obras de Rodolfo Santana que, como verbalizacións cruentas e vivenciais de personaxes concretas, se supeditan a percepcións e emocións individuais que reforzan as imaxes referidas pola vítima e a súa memoria funcionando para alén dos mecanismos visuais e materiais.

A continuación na mesa 8, titulada «O director a escena: traballo, técnica e construción escénica», Juan José Fernández Villanueva presenta a poética teatral de Michael Talheimer como unha dramaturxia da esencia que destaca especialmente pola profunda depuración do texto dramático para chegar ao punto máis esencial do mesmo e, en consecuencia, á súa verdadeira significación fundamentalmente a través da presencia do actor en tres esferas performativas: a fisicidade, a dimensión emocional e a verbalización.

Finalmente no terceiro relatorio plenario, «Cinema brechtiano: de Godard a Rocha e volta a empezar», Anxo Abuín establece un diálogo entre os cineastas Jean Luc Godard e Glauber Rocha a través do carácter espectacular do cine, visible no estudo dos xestos e a introdución da corporalidade como elemento de reflexión cinematográfica en filmes como Vivre sa vie ou Terra em transe. Estas prácticas rompen a confrontación entre as artes cunha teatralización performativa dos corpos desde un novo realismo baseado na desrealización mediante unha sorte de distanciamento brechtiano que levan os filmes cara un eido épico-dramático.

Pecharemos este pequeno percorrido agradecendo ás organizadoras e a todos os participantes do III CIJIET o diálogo prolongado, diverso e enriquecedor que se deu neste marco e agardando darlle continuidade nas edicións vindeiras.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s